O CLUB NÁUTICO SITÚA A RIBADUMIA NA ELITE DO PIRAGÜISMO O Muíño, un modesto entre os grandes
O Muiño convertiuse nun referente do piragüismo nacional en moi poucos anos. O Club Náutico O Muíño de Ribadumia pasou en poucos anos de ser un equipo máis dos moitos que existen no piragüismo galego a convertirse nun referente tanto no ámbito autonómico coma no estatal. Tendo como base a humildade, a modestia e o traballo cos máis pequenos, o club ribadumiense medrou a marchas forzadas nos dous últimos anos e pode presumir de ser un dos poucos con presencia en case tódalas modalidades de piragüismo. Pista, descenso, infantís, alevíns, slalom, kayak polo ou kayak de mar son disciplinas que traballan no club a pesares de contar cuns medios moi limitados e cunhas instalacións que non da rematado. Opiragüismo arousán leva moitos anos marcando o ritmo en Galicia e en España. Clubes coma o Breogán do Grove ou As Torres de Catoira convertíronse en grandes deste deporte que tantos éxitos lle da á nosa comunidade. Pero nos últimos anos apareceron con forza outros clubs da comarca que desde a humildade e a ilusión foron facendo camiño e agora forman parte xa da elite do piragüismo estatal. O caso máis chamativo é o do Náutico O Muíño de Ribadumia. É este un club que desde que se refundou fai 14 anos non fixo máis que medrar. Medrou en canto a número de deportistas, medrou en presencia nas distintas competicións, medrou en éxitos deportivos, en impacto mediático... Medrou en todo menos nos medios á súa disposición. E é que se trata dun club modesto e humilde que, sen embargo, non renuncia a nada. De feito, si por algo se caracteriza o Náutico O Muíño nos dous últimos anos é por estar en tódolos sitios nos que hai unha competición de piragüismo. O exemplo máis claro é a súa presencia nos Xogos Olímpicos de Pekín con Carlos Pérez “Perucho”, palista que se incorporou o ano pasado á disciplina da entidade ribadumiense.
José Manuel Vázquez Núñez e o seu fillo teñen claro que a mellor maneira de progresar e de chamar a atención dos máis pequenos é dándolle a oportunidade de participar no maior número posible de competicións. O Muíño aparece en tódalas listas de inscritos das modalidades de Infantís e Alevíns, Descenso de Ríos e Pista (tanto a nivel autonómico como estatal), pero tamén se aventurou a entrar no kayak-polo, modalidade que recuperarán na vindeira tempada, o slalom, na que son pioneiros en Galicia, e o kayak de mar. O adestrador do club, José Manuel Vázquez Navia, sinala que con esta amplitude de citas conseguen “darlle máis opcións aos nosos palistas de poder competir e disfrutar do deporte”.
A receita utilizada polo club para poder levar a cabo toda esa actividade non é outra que a combinación de traballo e ilusión. E o resultado está sendo espectacular. Porque o Muíño non só se limita a facer acto de presencia senón que traballa para acadar bos resultados. E estes non puideron ser mellores nos dous últimos anos. Todo eso fai que palistas doutros clubs galegos opten por incorporarse á disciplina do Muíño e tamén invita aos pais ribadumienses, e tamén doutros concellos limítrofes, a introducir aos seus fillos no mundo do piragüismo a través desde club.
Esta semana O Muíño comezou os adestramentos de cara á vindeira tempada na que conta cuns oitenta palistas, cifra impensable fai só uns anos. E entre todos eles destacan algúns que xa forman parte da elite do piragüismo español. Ademais do propio Perucho, as auténticas xoias do club son os xuvenís Paulino Otero e David Maquieira, campión e subcampión de Europa júnior respectivamente. O propio Maquieira forma o mellor C-2 de España da categoría xunto co seu compañeiro de club Joaquín Boisa.
E todo iso sen unhas instalacións dignas que ben ten merecidas. O edificio do club comezouse a construir fai xa oito anos e segue sen rematarse, algo que xa vai sendo hora de que fagan as administracións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario